Noticias de Castrelo
- Miércoles, Jueves, 28 de Noviembre de 2024
A directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Mª Amparo González Méndez, xunto coa Xefa Territorial en Ourense da Consellería de Política Social, Mª José Fernández Laso, acudiron hoxe a Castrelo de Miño para coñecer de primeira man a Casa Niño coa que o municipio conta desde o pasado mes de decembro.
Acompañados do alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, e do equipo de Goberno municipal, González Méndez quixo comprobar o funcionamento deste servizo, cuxa andaina é aínda recente en Galicia.
Xurxo Rodríguez agradeceu á directora Xeral a aplicación de políticas públicas desta natureza que axudan a reanimar o rural e a incidir positivamente na conciliación. Grazas a este servizo destinado a municipios de menos de 5.000 habitantes, concellos como Castrelo de Miño pódense beneficiar dun servizo para a infancia que, doutro xeito, non existirían. Así, González recalcou na importancia das Casas Niño para o medio rural, que evitan un gran desembolso para o caso da creación dun Punto de Atención á Infancia (PAI), ademais da relevancia para o autoemprego e para a economía social.
Ademais de coñecer a través da responsable do servizo, Alba García, como foron os primeiros meses, González tamén falou cun dos pais que resaltou o beneficioso deste servizo pioneiro na comunidade. O alcalde aproveitou para lembrar a aposta decidida deste concello pola infancia con proxectos como o de UNICEF, en cuxa rede de Cidades Amigas da Infancia atópase Castrelo de Miño desde o pasado ano, sendo o único concello galego adherido.
Os Paxariños
A de Castrelo de Miño é unha das preto de 30 Casas Niño que existen en Galicia. Inaugurada o 12 de decembro de 2016, a Casa Niño Os Paxariños de Castrelo ofrece o servizo gratuíto de coidado de nenos e nenas de 3 meses a 3 anos na planta primeira da antiga escola de Prado-Vide, recentemente reformada polo concello. O horario de servizo é continuado, de 8 da mañá a 4 da tarde, e, ademais do coidado dos pequenos, diríxese á atención das necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso, e a contribuír ao desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social.
Neste momento, Os Paxariños mantén aberto o seu prazo de inscrición para o seguinte curso. Para máis información, calquera interesado haberá de poñerse en contacto coa encargada do servizo, Alba García, a través do 671 467 937. Por outra banda, os pais e nais poden comprobar accedendo ao blogue que Alba García actualiza con asiduidade cal é a metodoloxía de traballo e as actividades que alí realizan: https://ospaxarinhos.github.io/