Noticias de Castrelo
- Jueves, Sábado, 30 de Noviembre de 2024
Os curtos serán proxectados no Salón de Actos da Casa do Concello o vindeiro domingo 12 de marzo ás 18:30. DesQue (2012), Sen motivo aparente (2014) e O Rebelde (2016) son as tres curtametraxes cos que conta Doviso, que presentou recentemente o seu último, O Rebelde, o pasado ano na 21 Edición do Festival de Cinema Internacional de Ourense. Tras o visionado, o director manterá unha charla-coloquio cos espectadores.
Para Doviso que Castrelo de Miño visione as súas tres curtametraxes significa "unha retrospectiva moi especial". Doviso non será a primeira vez que veña a Castrelo, xa que parte da súa familia materna é da aldea de Freás. De feito, o seu primeiro curto, DesQue, foi gravado en Hervillón, aldea abandonada en Astariz, e elixida pola súa atractiva paisaxe. Doviso recoñece que xa non pasa en público este curto, do que destaca a carencia de medios para realizalo; con todo, fará unha excepción para os veciños e veciñas de Castrelo.
Óscar Doviso (Ourense, 1978), ademais de director, guionista e actor, foi operador de cámara, programador de contidos e, actualmente, é xerente da produtora ZinemusiK Producións. De entre os seus traballos podemos atopar, ademais de curtametraxes dirixidas por el mesmo, ao propio Doviso como actor (ademais de en algúns dos seus propios curtos, en Trece badaladas, Conta atrás ou Ilegal), como director de vídeo-books ou como auxiliar de produción.
Polo momento, Óscar Doviso estará o domingo en Castrelo e o día 31 deste mes preestreará na Sala Berlín de Ourense un novo curto do que é actor e produtor, 'I see you everywhere', que nos traslada á obsesión enfermiza dun home solitario.
As curtametraxes de Doviso.
DesQue (2012), de 20 minutos, escrita, dirixida e protagonizada por Óscar Doviso, ten lugar nun bosque no que cada día espértase Marcel sen que atope saída a esa situación. Despois de pasar un tempo deambulando atopa ao seu amigo Xabi, que se atopa tamén aparvado e desorientado, do que pretenderán saír desa paraxe e seguir coas súas vidas. Trátase da súa primeira curtametraxe, da que garda bo recordo, "especialmente por como puido saír unha boa idea con só un ordenador e unha cámara de fotos", sostén Doviso.
Sen motivo aparente (2014), de 12 minutos, escrita, dirixida e producida por Doviso, presenta varias historias a través de conversacións que acontecen nunha cafetería. Este curto foi seleccionado en multitude de actos como exemplo de micromachismos, pola perspectiva coa que enfoca a violencia de xénero. De feito, levou ao director a dar charlas a través do seu guión.
A súa última curtametraxe, O Rebelde (2016), de 15 minutos, recrea o alzamento de Pascua en Irlanda de 1916, considerado o punto de partida da independencia do país. O Rebelde, que é a primeira ópera-rock creada en Galicia, presenta ao líder dos rebeldes do alzamento, Patrick Henry Pearse, a través do lado máis humano do personaxe. Doviso recoñece o complicado que é resumir o papel de Pearse nun cuarto de hora, pero que o resultado termina por convidar o espectador a querer saber máis da guerra.