Noticias de Castrelo
- Miércoles, Domingo, 24 de Noviembre de 2024
A celebración terá lugar os días 11 e 12 de agosto no Parque Náutico de Galicia en Castrelo de Miño.
O parque náutico de Castrelo de Miño acollerá a cuarta edición do "Ribeiro Blues Winefestival", os días 11 e 12 de agosto, para gozar dunha nova maridaxe de música, viño e gastronomía. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar na maña de onte no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o alcalde do Concello de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez.
Rosendo Fernández destacou a importancia da "cooperación" para levar a cabo iniciativas como este festival que "con esta cuarta edición consolídase como unha cita coa cultura que nos achega algunhas das mellores propostas nacionais e internacionais da chamada música negra ou de raíz". Asemade o vicepresidente da Deputación de Ourense sinalou que este evento é "unha idea innovadora para promocionar un dos sectores económicos estratéxicos da nosa provincia, o vitivinícola". Nese mesmo senso, Xurxo Rodríguez lembrou que a viticultura é "a nosa principal actividade".
O alcalde de Castrelo de Miño explicou que este festival naceu "froito da colaboración de tres institucións: a Deputación de Ourense, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, e o Concello de Castrelo de Miño, que continúan a traballar da man para celebrar, un ano máis, o "Ribeiro Blues Winefestival".
Nesta cuarta edición participarán "24 adegas e colleiteiros de toda a D.O. Ribeiro que ofrecerán os seus mellores viños acompañados polos diferentes postos gastronómicos de street food que estarán presentes no festival", sinalou Xurxo Rodríguez, quen explicou que co obxectivo de continuar a mellorar as actuacións musicais cada ano e recollendo as propostas das adegas participantes, "nesta edición seguimos a apostar polos grupos galegos e incluímos no cartel a bandas tributos, a dous grupos internacionais e sesións DJ".
"A entrada ao recinto será de balde, pero co obxectivo de poñer en valor o produto, os asistentes poderán adquirir un ticket por un custe de 10 euros para degustar os viños das diferentes adegas participantes", engadiu o alcalde de Castrelo de Miño.
O festival dará comezo o venres, 11 de agosto, coas actuacións de The Soul Jacket, Fatzilla e Greenwater, e o sábado, 12 de agosto, será a quenda para Shirley Davies & The Silverbacks, Los Fabulosos Weekend e Spanish Castle Magic. Ambas xornadas finalizarán cunha sesión Dj a cargo de Peón Kurtz Dj Set.
Toño López e Guillermo Gagliardi do grupo The Soul Jacket foron os encargados de poñer música ao remate da presentación do ?IV Ribeiro Blues Winefestival".