Novas de Castrelo
- Martes, Sábado, 30 de Novembro do 2024
Castrelo de Miño acolle a terceira actuación do Obradoiro de Emprego A Ribeira desde o pasado mes. Este obradoiro que Castrelo comparte con Carballeda de Avia e Ribadavia, componse de dous módulos formativos, Atención Sociosanitaria a Persoas no domicilio (de 600 horas e nivel II) e o de Actividades Auxiliares en Viveiros, xardíns e centros de xardinería (de 330 horas e nivel I).
Son 10 os alumnos traballadores por módulo que optan por un certificado de profesionalidade dentro deste obradoiro subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e encadrado en tres fases que se corresponden cun lugar na impartición da docencia. Desde o comezo o 20 de setembro de 2016 e ata o 13 de decembro, en Ribadavia; ata o 8 de febreiro en Carballeda; e, finalmente, desde o 9 de febreiro en Castrelo ata a súa finalización o próximo 29 de marzo.
Con este obradoiro de 6 meses búscase que o alumnado seleccionado adquira as competencias suficientes para axudar no ámbito sociosanitario no domicilio daquelas persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social, no caso de Axuda no Fogar; e o de auxiliar na implantación e mantemento de xardíns, parques e zonas verdes para o de Xardinería.
Os alumnos e alumnas do obradoiro de Xardinería seguen a realizar traballos no municipio con vistas a limpar e rozar as marxes dos regatos nunha distancia aproximada de 3 metros. Ademais, aproveitarán para arrombar o acceso ás pozas termais coas que aínda conta Castrelo de Miño no pé da presa. Por outra banda, a posta en práctica dos coñecementos teóricos permitirá que o alumnado elimine especies invasoras ou a recollida de lixo e de árbores caídas.
Nun mes que levan actuando neste ámbito, puideron limpar a marxe do río Miño á altura de A Ponte, onde tamén adaptaron o camiño de acceso ás termas -as cales tamén canalizaron- a través dunha pasarela de madeira. Ademais, limparon, á mesma altura, o regato de Reigoso.
Pola súa banda, os alumnos e alumnas do obradoiro de Axuda no Fogar encóntranse neste momento realizando as prácticas. Parte do alumnado está a facelas no Servizo de Axuda no Fogar de Castrelo de Miño co apoio dunha traballadora que os tutela nas funcións que estes profesionais desenvolven actualmente en 40 domicilios do municipio.